Ilustradora: Clara Cerviño
Editorial: Miudiño
Idades: 3+
Sinopse:
"Os nosos bosques PARA COLOREAR" é un libro de cartón que invita a pasear polos nosos bosques e coñecer de preto a nosa fauna e flora, xa que conta con 45 ilustracións de animais, vexetais e paisaxes cos seus respectivos nomes en diferentes grafías, isto permite practicar e mellorar a comprensión dos e das primeiros/as lectores/as.
A colección "Coñecer para Amar" móstranos a riqueza de vida que se esconden nos bosques de Galicia: os seus bosques atlánticos, os seus pastos en Lugo, carballeiras, soutos, entre outros, así como os animais e vexetais que os habitan.
Fermosas ilustracións realistas que invitan a buscar, e a interactuar co libro. Un coidado libro co que aprender vocabulario e iniciarse na ilustración naturalista ou científica. Cada vez que mire algo novo seguro que o descubrirá.
Aprendizaxes e valores:
Este libro para colorear que xunto co libro de OS NOSOS BOSQUES teñen un gran potencial, para traballar o coñecemento do medio e o seu vocabulario. A súa temática é clara e sinxela polo que podemos aproveitar para darlle un enfoque positivo para fomentar a educación medioambiental e o coidado da contorna.
- Motricidade fina: ao tratarse de un libro de colorear, nenos e nenas traballarán a súa motricidade fina e a percepción do espazo.
- Creatividade: colorear é un exercicio moi interesante, estimula e fomenta a creatividade, á hora de escoller as cores, de colocalas no espazo, etc.
- Educación medioambiental: coñecer as paisaxes dos bosques galegos ofrécenos una infinidade de posibilidades para ensinar a nenos e nenas sobre a importancia dos entornos e do coidado dos mesmos. Fomentando estos valores de preservación da natureza serán cada vez máis conscientes do que teñen ao ser redor e da relevancia da pegada humana no mundo.
- Coñecemento da contorna: moitas veces sabemos máis do que ocorre noutros lugares que o que temos detrás da porta das nosas casas. Somos moi afortunadas e afortunados de vivir nun lugar como Galicia, que ten una biodiversidade tan rica, por iso cremos importante transmitir as novas xeracións os coñecementos sobre a natureza que nos rodea e o que pode significar.
- Vocabulario en galego: moitos nenos e nenas, por desgraza, nunca escoitaron palabras como vacaloura ou landra, por iso cremos que este tipo de lecturas son moi necesarias, para non perder a riqueza da nosa lingua ao tempo que aprenden sobre os bosques.
- Transmisión da cultura: Galicia é terra, Galicia é xente, Galicia son cada un dos animais que forman parte dos bosques, Galicia somos nós. Por iso esta obra é unha fonte de transmisión de cultura; na nosa historia a terra É O ELEMENTO, o que nos define, iso que nos fai sentir morriña e que non podemos explicar a xente que é de fora. Etes son uns valores tan bonitos que deben pasar de xeración en xeración.
Valoración persoal:
Gústanos polo seu gran formato adaptado para os máis pequenos e pequenas, é moi visual e está moi coidado. Fomenta o respecto e o coñecemento dos nosos bosques; estimula a atención, a concentración e a curiosidade, e un feixe de aspectos positivos.
Pero sobre todo, o que máis nos gustou é que permite dar renda solta á imaxinación empregando unha ampla variedade de ferramentas para dar cor.
Ademais, Miudiño S. Coop. Galega é unha cooperativa galega de asociados sen ánimo de lucro, non xerárquica e de traballo en igualdade. Producen a man e tecen fíos con outros proxectos. Con este titular nós so podemos aplaudir e apoiar, porque este tipo de proxectos son os que necesitamos nos tempos actuais.
Comentarios
Publicar un comentario